Saturday 18 de May de 2024

O concello recibe por segundo ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia


Foi recollida polo alcalde, José Manuel López Varela, de mans da conselleira de Medio Ambiente.

O alcalde, José Manuel López Varela, recolleu hoxe de mans da vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a Bandeira Verde de Galicia coa que a Xunta premia aos municipios que destacan polo seu labor a prol da protección da paisaxe e do medio ambiente. O acto celebrouse nos Penedos do Outeiro da localidade ourensana de Porqueira.
Neste ano son 18 os municipios da comunidade que obteñen este recoñecemento ao ser considerados como os máis dinámicos neste eido por desenvolver boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto da paisaxe, a minoración das emisións de CO2 e a redución do consumo enerxético. A Laracha recíbeo por segundo ano consecutivo e a bandeira izarase nos próximos días na Praza do Concello, renovando a que ondea actualmente obtida en 2022.
Entra as accións levadas a cabo polo Concello e que posibilitaron a concesión deste distintivo cabe salientar as humanizacións e melloras da accesibilidade en rúas dos núcleos urbanos, a construción da senda peonil ao longo da estrada AC-552, o acondicionamento do entorno do CEIP Otero Pedrayo coa creación dunha nova área axardinada xunto aos espazos deportivos, accións de eficiencia enerxética, a xestión dos residuos sólidos urbanos, o programa de compostaxe doméstica e o proxecto de ampliación do punto limpo, entre outras iniciativas.
A Bandeira Verde, creada no ano 2020, pretende convertese nun distintivo que sexa recoñecido pola cidadanía, turistas e visitantes para fortalecer a imaxe dos municipios máis comprometidos nos ámbitos ambiental, paisaxístico e de respecto ao patrimonio natural.
A Bandeira Verde de Galicia avala as políticas municipais nestes campos e é un aliciente para continuar realizando no futuro accións destas características.